Wednesday 08 de May de 2024

Román Rodríguez destaca o triunfo do alumnado galego no Campionato Europeo Eurokills como exemplo da potencia da FP na nosa comunidade


— O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades recibe os estudantes participantes nas olimpíadas europeas destas ensinanzas

— Mateo Rubal, do Instituto IES María Sarmiento de Viveiro, alzouse coa medalla de bronce na modalidade de Soldadura neste certame

— María Emilia Piedra, do Centro Integrado de FP Paseo das Pontes da Coruña, e Sergio Martínez, do CIFP Manuel Antonio de Vigo, obtiveron mencións de excelencia nas modalidades de Cociña e de Recepción hoteleira, respectivamente

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou hoxe o triunfo do alumnado galego no campionato europeo EuroSkills como exemplo da potencialidade da FP na nosa Comunidade. O titular do departamento educativo da Xunta recibiu na Cidade da Cultura a Mateo Rubal Fanego (IES María Sarmiento, Viveiro), María Emilia Piedra Iglesias (CIFP Paseo das Pontes, A Coruña) e Sergio Martínez Calvar (CIFP Manuel Antonio, Vigo), os tres rapaces que participaron nesta cita continental do 5 ao 9 de setembro en Gansk (Polonia). Tamén asistiron ao acto os docentes que os acompañaron nesta experiencia.
O conselleiro subliñou a FP como “unhas ensinanzas que son sinónimo de prestixio, utilidade e confianza, cun incremento de máis do 70% no alumnado matriculado desde 2009”. Puxo en valor tamén a empregabilidade destas ensinanzas, como no caso destes tres titulados, que xa tiveron a oportunidade de inserirse no mercado laboral.
Román Rodríguez salientou os resultados nos galegos nesta competición europea. En concreto, Mateo Rubal alzouse coa medalla de bronce na modalidade de Soldadura, mentres que María Emilia Piedra e Sergio Martínez obtiveron mencións de excelencia nas modalidades de Cociña e de Recepción hoteleira, respectivamente.
Palmarés noutras competicións
Os participantes nas EuroSkills teñen colleitado numerosos éxitos no ámbito destas competicións. Os tres foron medalla de ouro nas GaliciaSkills e nas SpainSkills. Ademais, participaron no certame mundial WorldSkills, onde Sergio Martínez obtivo a medalla de bronce, e María Emilia Piedra un diploma.
O conselleiro felicitou aos tres rapaces e agradeceulles o seu esforzo: “Son un exemplo non só para o alumnado de FP, senón para toda a mocidade galega”. Tamén salientou o labor e dedicación do profesorado, “que os acompaña tanto na súa formación como en todas estas competicións, desde o nivel galego, das GaliciaSkills, ata a competición estatal e mesmo en citas internacionais coma esta”, sinalou.